Pase con sufrimento do Marín Futsal á fase final da Copa da Raíña (3-6)

Marín
06 de decembro 2022

O conxunto marinense remontou o seu partido de oitavos de final de Copa na pista do Atlético Torcal, líder do seu grupo na Segunda División, e repetirá presenza na fase final do torneo do K.O.

Ceci, no partido entre Marín Futsal e Burela na Raña
Ceci, no partido entre Marín Futsal e Burela na Raña /

O Marín Futsal estará, por segunda tempada consecutiva, na fase final da Copa da Raíña, tras superar este martes o Atlético Torcal (3-6) na eliminatoria de oitavos de final da competición.

O conxunto marinense desprazouse ata Málaga para medirse ao líder do seu grupo e a Segunda División, e aínda que tivo que sufrir terminou cumprindo os prognósticos.

Non comezou ben o partido, xa que apenas pasara un minuto de xogo cando o equipo local tomou a dianteira, cun tanto en propia meta de Bea Mateos.

Estaba a custarlle máis do previsto ao equipo adestrado por Ramiro Díaz, que non logrou igualar ata o tramo final do primeiro acto grazas a Adriana, tras roubar o coiro a unha defensora na área e bater á gardameta. A alegría iso si durou pouco porque a segundos de que chegase o descanso o Torcal recuperaba o mando.

Tras o paso por vestiarios o Marín Futsal axustou o seu xogo para lanzarse a por a remontada, conseguindo dar a volta ao marcador co empate de Café e un disparo raso case sen ángulo despois de Pau. Pouco despois de novo Café nunha rápida transición achegaba a clasificación co 2-4.

Faltaban cinco minutos para o final e o Atlético Torcal introducía o xogo de cinco, logrando recortar distancias a súa porteira-xogadora, Carmen, a 2'40'' do final.

Parecía que se ía a seguir sufrindo, pero na seguinte acción Silvia Aguete desde a súa propia área aproveitaba a porta baleira do rival para facer o 3-5, sentenciando xa a segundos do final Ceci co definitivo 3-6.