A pinga gorda suou o Pontevedra Club de Fútbol para seguir vivo na Copa do Rei, tras a súa estrea este mércores na primeira rolda do torneo cunha visita á UD Ourense de Segunda RFEF no Couto.
Era o primeiro duelo oficial entre ambos os dous desde a fundación do cadro ourensán en 2014, e tamén a estrea da UD na Copa. Moitos ingredientes que presaxiaban un duelo interesante, acompañado nas bancadas por un notable desprazamento da Marea Granate.
Rubén Domínguez apostou por un once inicial con moitas novidades, no que só Miki Bosh e Alain Ribeiro podían considerarse titulares habituais e no que se estreaba esta tempada Edu Sousa en portaría. Sabía o Pontevedra que a ilusióin local podía complicarlle a eliminatoria, e así terminou sendo, aínda que seu foi o primeiro aviso nun pase filtrado de Conesa para Marcos Denia, pero o seu disparo cruzado atallouno un seguro Manu Vizoso, un dos exgranates sobre o céspede como Rufo, Jaichenco e Pol Bueso, todos eles titulares.
Respondía a UD tentando aproveitar Osian un descoido defensivo. Edu atento saía da súa portaría e aguantaba para arrebatarlle o balón.
Nada puido facer pouco despois. Era o minuto 9. Tras unha falta de Conesa, Migui puña o balón á área facendo dubidar á defensa e ao segundo pau Labrada marcaba co pé o 1-0 con algo de fortuna, tras pegar o balón no traveseiro.
Púñase costa arriba a Copa, e acusou o golpe un Pontevedra que non empezou a xerar perigo até xa mediado o primeiro acto. Compa estivo cerca do gol punteando un balón na área ao que respondía Vizoso, e na continuación Eimil púñalle de novo ao dianteiro un gran centro que o ariete non podía aprevechar rematando defectuoso.
Só un minuto despois chegou a mellor ocasión do primeiro acto, nunha acción individual de Joao Resende partindo desde a esquerda, conducindo cara a dentro e conectando un disparo que co porteiro local xa vencido topaba co poste.
Perdoaban os granates, que merecían o empate, e a UD Ourense reorganizábase para tentar rebaixar pulsacións e chegar, como así foi, até o descanso co 1-0 no marcador.
Con todo o panorama cambiou por completo tras o paso polos vesturiarios, e a segunda metade converteuse pronto nun exercicio ofensivo do Pontevedra na busca do empate. Non tardou de feito en contar cunha ocasión moi, pero que moi clara. Manu Vizoso equivocábase na saída de balón e entregaba o coiro a Compa, que cedía para Denia e este con todo a favor tiráballa ao corpo do porteiro.
Os locais pechaban filas e se replegaban tentando non conceder en exceso, resistir, e se xurdía a oportunidade aproveitar algunha acción illada ou ao contragolpe.
A falta de media hora e sen atopar aínda premio, Rubén Domínguez movía por primeira vez o banco dando entrada a Yelko Pino e a Tiago. Buscaba maior asociación e desequilibrio na zona de construción, e nunha das primeiras accións con eles sobre o verde varios pases ao primeiro toque deixaron só ante o gardameta a Joao Resende, que non acertou a definir.
Vizoso empezaba a ser un pesadelo para os granates, a lei do ex, e de feito no minuto 75 sacaba unha man milagrosa por reflexos a Compa á saída dun córner. Xusto antes Pol Bueso tivera o 2-0 nunha falta lateral calcada á que supuxera o gol do Ourense.
Cada vez quedaba menos tempo, e a responsabilidade e a pólvora mollada empezaban a pesar nas ideas dos pontevedreses, que seguían insistindo case con máis corazón que cabeza. Chegábase así ao tempo de desconto, onde todo cambiaría nun dicir amén. Primeiro Yelko obrigaba a lucirse unha vez máis ao porteiro local, e xusto despois, no minuto 94, chegaría o gol quizais na acción menos clara. Se Manu Vizoso estaba a ser o mellor da UD, un grave erro suporía o empate ao non conseguir agarrar un disparo aparentemente frouxo de Comparada.
Puido inluso Álex González voltear o partido no 96. O seu disparo marchou cruzado por pouco polo que tocaba ir á prórroga.
As forzas igualáronse no tempo extra, no que comezou ameazando un recuperado conxunto ourensanista. Justino protagonizaba unha contra fulgurante para encarar a Edu Sousa e chegar a superalo ata que Tiago, nunha acción providencial, metía a bota para desviar o disparo. O aviso fixo aos granates tomarllo cun pouco máis de calma, en parte tamén polo cansazo, para volver á carga pouco despois.
Dani Selma, tras entrase ao campo no descanso da prórroga, tivo unha dobre opción xa nos minutos finais co Pontevedra envorcado. Especialmente clara foi a segunda, pero non acertou chegándose co 1-1 aos penaltis.
Desde o once metros emerxeu a figura de Edu Sousa. Inédito esta tempada até a Copa, encargou outra rolda parando o primeiro lanzamento a Parrilla e forzando o fallo de Lucas Puime no segundo. Manu Núñez tamén enviou ademais fóra o terceiro e Brais, Vidorreta e Selma non perdoaron. O Pontevedra quere volver vibrar coa Copa e traela a Pasarón.
UD OURENSE (1): Manu Vizoso, De Prado (Varo, min.91), Pol Bueso, Labrada, Prado (Samu Pardo, min.71), Manu Núñez, Viti (Parrilla, min.60), Migui (Gamarra, min.83), Osian (Justino, min.60), Jaichenco, Rufo (Lucas Puime min.71).
PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Víctor Eimil, Miki Bosch, Juanra (Vidorreta, min.71), Adri Expósito, Nico Conesa (Yelko Pino, min.60), Alain Ribeiro (Tiago, min.60), Álex González, Resende (Luisao, min.71), Marcos Denia (Brais Abelenda, min.71), Compa (Selma, min.105).
Árbitro: Manuel Pozueta Rodríguez (Cantabria), auxiliado nas bandas por José Miguel Álvarez e Gonzalo Gómez e con Omar Álvarez como cuarto árbitro. Amoestou a Rufo, Manu Núñez e Varo na UD Ourense e a Conesa, Juanra e Brais Abelenda no Pontevedra.
Goles: 1-0 Labrada (min.9), 1-1 Compa (min.90+).
Incidencias: Partido de primeira rolda de Copa do Rei disputado no Estadio do Couto, con notable presenza de afeccionados do Pontevedra. Antes do inicio do choque interpretouse o himno galego.