É a xogadora máis determinante do equipo, así o din as estatísticas, e a súa ausencia é un verdadeiro problema para o Arxil.
O conxunto pontevedrés segue á espera de reincorporar a Yanique Gordon, que continúa en Xamaica tentando poñer en regra o seu visado de traballo.
A pívot comprometeuse a arranxar esta semana todo o papelorio, pero a súa participación no derbi provincial do sábado en Vilagarcía (19:30 horas) ante o Cortegada segue no aire.
É máis, a súa presenza antóllase complicada, aínda que o Arxil esperará ata a próxima semana para tomar unha decisión definitiva no caso de que Yanique non regrese a Pontevedra.
O do sábado podería ser o segundo partido que se perda a pívot, tras a primeira xornada do ano ante o Araski, un choque no que as verdes acusaron a perda de poderío na zona e caeron con claridade.