Acabaron as vacacións para o Club Baloncesto Arxil, que recibirá este domingo no CGTD (12:00 horas) o pechacancelas Tenerife.
O encontro significa o regreso á competición oficial despois do Nadal e da esixente fin de semana que viviu o equipo pontevedrés en terras catalás, disputando dous partidos en menos de 24 horas que se saldaron con triunfo ante o Mataró e derrota contra o Girona.
Agora, coas pilas xa cargadas, o Arxil volve ao rodo con todo o plantel dispoñible, co que tentará sumar a súa novena vitoria da tempada e seguir metendo presión na zona alta da clasificación.
Para iso, Mayte Méndez pedirá ás súas xogadoras que realicen un bo traballo defensivo, aproveitando ademais a rotación en todos os postos que lle permitirán espremer ao máximo o potencial de cada unha delas.
Desde a directiva do club fan un chamamento á afección para que vaia ao CGTD a gozar e apoiar o equipo no que será o último encontro como local antes de comezar a segunda volta da Liga Feminina 2.