Plácido triunfo do Pontevedra ante o Alondras en Copa Federación

Pontevedra
31 de agosto 2016

Os granates enfrontaranse agora nos cuartos de final da fase autonómica ao Ribadumia. Luisito, pensando no choque do próximo domingo en Santander, aproveitou para dar minutos e oportunidades aos xogadores que menos actuaron ata o momento en liga e só dous futbolistas repetiron no once inicial con respecto ao partido ante o Mutilvera

Partido de Copa Federación entre Alondras e Pontevedra
Partido de Copa Federación entre Alondras e Pontevedra / PontevedraViva

Cómodo triunfo do Pontevedra en Cangas na primeira rolda de Copa Federación, na que se enfrontou ao Alondras (0-3). A segunda unidade dos granates ofreceu unha boa imaxe no Estadio do Morrazo dominando o encontro desde a primeira metade sen dar opción ao seu rival.

Luisito, pensando no choque do próximo domingo en Santander, aproveitou para dar minutos e oportunidades aos xogadores que menos actuaron ata o momento en liga. De feito só dous futbolistas titulares ante o Mutilvera en liga repetiron no once inicial en Copa: Portela e Álex González.

Ademais o Pontevedra xogou desde o inicio con Santi Canedo, Adrián, Bruno, Capi, Gonzalo, Miki, Mouriño, Mateu e Jacobo.

Estes dous últimos xogadores foron protagonistas na primeira metade, e en dous minutos, do 19 ao 21, deixaron encarrilado o choque. Primeiro foi Jacobo o que definiu cun remate acrobático para facer o 0-1, e pouco despois Mateu Ferrer sacou a relucir o seu olfacto de gol para plantarse ante Lorenzo tras un bo desmarque e definir á perfección.

Desde aí, pouca historia tivo o partido, co cadro pontevedrés controlando as tímidas reaccións locais.

Na segunda metade, coa chegada dos cambios (gozaron de minutos Jacobo Trigo, Bonilla, Mario Barco e Abel) o ritmo de xogo descendeu e o interese centrouse máis en asuntos extradeportivos. Primeiro pola falta de entendemento entre ambos os equipos polo número de substitucións permitidas na competición (cinco como defendía o Pontevedra) e despois pola expulsión de Luisito.

Co tempo xa cumprido Mario Barco, un dos máis activos durante a segunda metade, facía o definitivo 0-3.

Tras este triunfo, ao tratarse dunha eliminatoria a partido único, o Pontevedra avanza de rolda e enfrontarase en cuartos de final da fase galega de Copa Federación ao Ribadumia, que quedara exento por sorteo do primeiro cruzamento.