Fai contas o vestiario do Pontevedra Club de Fútbol sobre cando poderá certificar de maneira matemática o ascenso a Primeira RFEF?
Edu Sousa rompeu co establecido ao recoñecer que, con 8 puntos de vantaxe e só 12 máis en xogo, "si, non hai que esconderse xa estas alturas".
"Temos ganas de que isto non escape, porque o equipo traballou unha chea e non me refiro a esta tempada. Acórdome moito da tempada pasada e levamos case dous anos fubolísticos traballando e preparándonos moito para chegar a un momento como o que temos agora", defendeu o gardameta este mércores desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
O porteiro cre que "a xente que está no día a día connosco, no momento que suceda, si sucede, tamén se merece vivilo. Quero que sexan partícipes de todo isto", explicou en relación á posibilidade de celebrar o ascenso na casa, en Pasarón, ou xa esta mesma fin de semana en Salamanca se se dan os resultados axeitados.
O ideal sería sen dúbida festexar arroupado por toda a parroquia granate, pero a realidade é que "o quero xa. Canto antes", recoñeceu Edu para "para non ter logo que sacar o extintor e apagar lumes".
Iso suporía, como condición indispensable, sumar o triunfo no Helmántico no que será "un partido difícil, porque as circunstancias que teñen eles alí convidan a pensar que o partido o tomarán como unha final, e co ambiente que van ter no seu campo, sei que vai ser complicado", analizou o 1 granate.
Ademais o Salamanca chegará cun novo adestrador, un aspecto do que quere pasar "un pouco de puntillas, porque o que nos realmente ocupa é prepararnos ben para poder facer un bo partido".
A nivel individual Edu Sousa atravesa un gran momento de forma, e preguntado sobre o seu interese en renovar contrato co Pontevedra para a próxima tempada, esperando que sexa en Primeira RFEF, o gardameta non escondeu que "xa o dixen sempre, a miña idea ao volver era seguir aquí, continuar aquí, quedarme".
"Non teño problema en que se saiba. Sinto ao club e sinto a cidade", engadiu, aínda que será un aspecto que se aclarará unha vez conseguido o obxectivo.