O Stellae Leis Pontevedra soña co ascenso a Segunda División.
Gañouno con suor, tras confirmar na última xornada o seu primeiro posto de grupo na Segunda B pechando unha sobresaliente liga regular.
Con todo o play-off de ascenso preséntase como todo un desafío pola súa excesiva dureza.
Serán 24 os equipos que pelexarán polo salto de categoría, os catro primeiros de cada un dos seis grupos de Segunda B, con só tres prazas de ascenso en xogo.
É por iso que no horizonte aparecen até tres eliminatorias a dobre partido. Ese é o camiño que lle espera ao Stellae Leis adestrado por Santi Valladares, que conta coa vantaxe de xogará a volta na casa como campión de grupo.
Na primeira rolda, coa ida este mesmo sábado 10 de maio e a volta o 17 ou 18, enfrontaranse equipos do mesmo grupo (primeiro contra cuarto), e aos pontevedreses tócalles medirse coa súa particular besta negra do curso, os Piensos Durán Albense FS.
O equipo da localidade salmantina de Alba de Tormes venceu nos dous encontros disputados esta tempada entre ambos os dous, 2-6 en Pontevedra e 7-2 na súa pista, aínda que un play-off é outra historia.
De superar este cruzamento, o seguinte non se faría esperar, xa que a segunda eliminatoria disputarase o 24 e 31 de maio e a terceira e decisiva o 6 e 14 de xuño.
O Stellae Leis Pontevedra FS gañou, canto menos, o dereito a soñar.