Coa permanencia virtual por fin no peto tras o seu triunfo contra o Barakaldo en Pasarón, o Pontevedra Club de Fútbol volveu a meterse de cheo na pelexa por un play-off de ascenso que lonxe dun soño converteuse xa en obxectivo para o plantel adestrado por Rubén Domínguez.
Ilusión non lle vai a faltar aos granates, sabedores da dificultade do reto e da igualdade máxima da categoría.
Unha mostra diso é que pechada este domingo a xornada 31 do campionato, con derrotas de equipos como Zamora ou Lugo, o Pontevedra situouse na sétima praza con 46 puntos, os mesmos que ten o equipo que pecha a zona de play-off desde a quinta posición, o Real Madrid Castilla, e tamén o sexto, o Zamora.
Con 47, un máis, están a Ponferradina na terceira praza e o Barakaldo na cuarta, equipos aos que os granates teñen a opción de superar se puntúan este mércores en Getxo no partido aprazado fronte o Arenas.
Se gañan dispararanse con 49 puntos, pero é que se empatan o golaverage favoreceríalle por agora nunha loita a tres con Barakaldo e Ponferradina.
📈 ¡Así queda el 𝗚𝗥𝗨𝗣𝗢 𝟭 tras la disputa de la 𝗷𝗼𝗿𝗻𝗮𝗱𝗮 𝟯𝟭 a falta de que se juegue el partido restante! #PrimeraFederación | #VersusELearning pic.twitter.com/I4bYLaGDF2
— Primera Federación Versus e-Learning (@Primera_RFEF) April 5, 2026
De feito ese diferencial de goles apunta a ser decisivo a final de tempada entre os equipos candidatos debido á extrema igualdade semana tras semana na clasificación.
Neste sentido tres aspectos serán decisivos. Por unha banda o golaverage particular con cada un dos equipos implicados, a suma de puntos directos no caso de empate múltiple e por último o diferencial global de goles.
Neste último aspecto o Pontevedra, cun +13 ao seu favor tras marcar 35 tantos e encaixado apenas 22, é o equipo con mellor balance de todos os aspirantes (salvando o líder destacado Tenerife) seguido da Ponferradina (+10) e Barakaldo (+8). Despois cun +5 aparecen Celta Fortuna, Real Madrid Castilla e Zamora.
No que respecta ao duelos directos, por agora os da Boa Vila teñen gañado xa pase o que pase o golaveraje particular co Barakaldo (0-1 na ida e 2-0 en Pasarón) e Zamora (4-1 en Pasarón e derrota fóra por 2-1), e perdido fronte ao real Madrid Castila (0-1 en Madrid e empate en Pasarón). Ademais defenderá o diferencial particular este próximo domingo a unha Ponferradina á que venceu pola mínima na ida.
No caso de empate múltiple, coa igualdade a tres que mostra actualmente a clasificación na pelexa pola quinta praza entre Castilla, Zamora e Pontevedra, cóntanse os puntos totais obtidos por estes equipos nos choques entre si. Por ese motivo o Pontevedra é agora mesmo sétimo ao ter logrado 4 puntos contra Castilla e Zamora polos 5 dos seus rivais.
Claro que aquí depende de que equipos estean implicados nos empates, xa que por exemplo se os granates suman un punto en Getxo igualarían a 47 con Ponferradina e Barakaldo e colocaríanse terceiros por este mesmo motivo (suman 9 puntos nos duelos directos por 1 dos seus rivais).
Mirando só cara arriba e nunha pelexa a cinco entre os equipos que van desde a terceira á sétima posición (Ponferradina, Barakaldo, Castilla, Zamora e Pontevedra), os pontevedreses sairían tamén gañando nun empate múltiple ao lograr até a data 13 puntos polos 12 de Castilla, 7 de Ponferradina e Zamora e os 6 do Barakaldo. Claro que de aquí ao final da liga regular aínda quedan por disputarse duelos directos que poderían cambiar a situación.
Tamén hai que ter en conta que por detrás o Lugo é oitavo con 45 puntos, con 44 están Unionistas, Athletic B e Mérida, con 42 o Racing de Ferrol e con 41 un Arenas de Gexto que de vencer o Pontevedra en Fadura tamén se metería na pelexa.
Bendita tolemia a desta Primeira Federación.