O Poio Artai acepta a invitación da Federación Española para xogar en Primeira Nacional

Poio
01 de xullo 2026

O conxunto de Poio, que rozara na pista o ascenso, cualifica o reto de competir na terceira categoría nacional como "ilusionante e esixente"

O Balonmán Poio Artai festexa o seu triunfo na final a 4 autonómica Federación Galega de Balonmán

O Balonmán Poio Artai competirá a próxima tempada en Primeira Nacional.

Tras rozar o ascenso na pista, quedando a un só gol do obxectivo polo seu empate no último partido, o conxunto laranxa confirmou nos despachos o seu salto á terceira categoría do balonmán nacional.

Fíxoo aceptando a oferta da Real Federación Española de Balonmán como mellor segundo clasificado de todos os sectores da fase de ascenso.

Será para o Poio Artai "un novo reto, ilusionante e esixente, para o que necesitaremos o apoio de toda a nosa xente", afirmou o club nas súas canles oficiais despois de confirmar o seu ascenso.

Ante esta nova situación do seu primeiro equipo masculino puxéronse xa ao choio "na procura de patrocinadores e colaboracións que fagan posible competir con garantías na terceira categoría do balonmán español".