Poio mergúllase na coordinación do dispositivo de La Vuelta: "Será unha xornada para lembrar"

Poio
04 de agosto 2025

O Concello de Poio celebrou unha reunión de coordinación con representantes de Unipublic, organizadora de La Vuelta a España, para ultimar os preparativos da etapa que sairá desde Combarro

Reunión coordinación pola saída de La Vuelta desde Combarro Concello de Poio

Pouco máis dun mes para que Combarro sexa saída dunha etapa de La Vuelta a España, e o goberno local avanzan nos preparativos do dispositivo de organización e seguridade da proba.

"Será unha xornada para lembrar", asegura o alcalde, Ángel Moldes.

O Concello mantivo este luns 4 de agosto unha reunión de coordinación con representantes da empresa Unipublic, organizadora de La Vuelta, para ultimar os detalles da xornada ciclista, prevista para o martes 9 de setembro.

No encontro abordáronse todas as cuestións técnicas necesarias para a montaxe e desmonte de todo o operativo, desde a zona de saída ata os espazos reservados para aparcadoiros de equipos, organización ou a caravana publicitaria.

Será a primeira vez que Poio acolla unha saída de etapa dunha das maiores carreiras ciclistas do calendario internacional, unha carreira que obriga a un gran esforzo organizativo ao supor a mobilización de 184 cilistas, 46 vehículos de equipos e un amplo dispositivo de seguridade.

"Trátase dunha oportunidade histórica para Poio, tanto a nivel deportivo como promocional, xa que La Vuelta é unha fiestra internacional que permitirá amosar a beleza e potencial do noso concello ao mundo", afirma o alcalde.

Por ese motivo, Moldes fai un chamamento animando "a todos os veciños e veciñas a participar, a vivir esta festa do deporte e a encher as rúas para dar unha calorosa benvida aos corredores".

Na reunión, ademais do rexedor, participaron con concelleiros de Deportes e Seguridade Cidadá, Tucho Muíños e Maritxe González; o director de produción e loxística de La Vuelta, Pedro Lezaun; o responsable de montaxe da saída, Kerman Zunzarren; e o patrón maior da Confraría de Raxó, Iago Tomé.

Ademais da propia etapa, a presenza de La Vuelta en Poio farase notar un día antes, o luns 8 de setembro, coincidindo coa xornada de descanso da carreira ciclista.