Primeiro exame superado para o Poio Pescamar, que gañou 3-1 ao MRB Móstoles nos cuartos de final da Copa da Raíña para selar a súa presenza entre o catro mellores equipos da competición.
Non foi fácil, pois un gol en propia porta nos últimos minutos complicou as cousas ao conxunto conserveiro. Ale de Paz sentenciou na última xogada para lograr o pase a unhas semifinais nas que espera un rival de máxima esixencia, o Melilla Torreblanca.
Non escatimou en esforzos o equipo de Luís López-Tulla, que actuou como local a pesar de enfrontarse ao anfitrión da competición. Chuli tivo a primeira aos dous minutos de partido, pero o seu disparo foi rexeitado por unha canteirá poiense como é Nere Moldes.
Ningún dos dous equipos logrou ter o control do xogo, algo que se traduciu en moitas idas e voltas, posesións curtas e unha alta intensidade como norma xeral. Transcorreron o dez primeiros minutos sen grandes ocasións de gol.
Foi entón cando, froito dunha carambola, Carolina Pedreira adiantou ao cadro conserveiro. A internacional portuguesa probou cun golpeo afastado que cambiou a súa dirección tras tocar en Piti, deu no traveseiro e coouse na portaría do MRB Móstoles.
Ale de Paz acariñou o tanto da tranquilidade a seis minutos do descanso nunha boa transición do cadro vermello, pero o seu disparo foise á dereita da portaría de Pitu. O xogo de catro proposto polo equipo de Patri Chamorro tamén xerou problemas ao equipo de Luís López-Tulla.
Volveu tentalo o Poio, nesta ocasión a través dunha Débora Lavrador que se atopou a gran resposta da meta visitante. A réplica rival chegou pouco despois nun golpeo de Alicia Benete que a punto estivo de sorprender a Elena, que regresaba á portaría tras ausentarse as últimas semanas por lesión. Concluíron os primeiros 20 minutos con 1-0 no marcador.
O encontro púxoselle moi de cara ao conxunto poiense, que fixo o 2-0 no miunuto 22 a través de Chuli. A cántabra recibiu un pase de Martita no segundo pau e superou a Pitu cun golpeo raso que deu tranquilidade aos locais.
Con todo, meteuse no partido o conxunto madrileño da forma máis rocambolesca posible cando restaban dez minutos para a conclusión do encontro. Alicia Benete sacou o balón de encima cun pelotazo que Chuli tratou de despexar coa cabeza. O seu testarazo se envelenouse cara á súa propia portaría e sorprendeu a Elena, que non puido evitar o gol do Móstoles.
O equipo arbitral deu validez ao tanto tras unha revisión solicitada polo banco poiense, que entendía que o esférico non superara por completo a liña de gol.
Esta inercia deulle ás ao conxunto de Patri Chamorro, que tivo o empate un minuto despois nun disparo de Claudia Bollero que se estrelou no pau.
Correu a mesma sorte Alicia Benete, que estrelou un balón no traveseiro a sete minutos do final. Foron momentos de sufrimento para o equipo de Luís López-Tulla.
Salvou os mobles in extremis o Poio Pescamar cunha intervención salvadora de Elena cando só quedaban dous minutos. O rexeite cazouno Alicia Benete e Martita tapou o espazo para evitar o que sería o gol do empate.
Con Nere Moldes como porteira xogadora o tentou o Móstoles até o asubío final. Aproveitou esta situación o equipo poiense, que recuperou o balón na última xogada do partido para facer o 3-1 cun golpeo de campo a campo de Ale de Paz.
Logrou o pase de rolda o Poio Pescamar tras vencer ao anfitrión, o MRB Móstoles, nun encontro sufrido até os instantes finais. O reto é maiúsculo para as xogadoras do cadro conserveiro, que se medirán ao Melilla Torreblanca nas semifinais (sábado 2 de maio, 10:00).
O Melilla, líder destacado en liga, impúxose no seu partido de cuartos de final por un contundente 0-10 ao CD Leganés. Será unha oportunidade de desquite para o Poio, que non logrou gañar ningún dos seus encontros desta tempada ante o conxunto melillense.
Consulta o acta neste ligazón.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.