Triunfo sufrido, traballado, pero vital para o Poio Pescamar na xornada 24 de campionato (1-0). O equipo de Luís López-Tulla fixo bo o gol inicial de Chuli para sumar tres puntos que o consolidan nos postos de play-off. Gran encontro da meta Yanira, que resultou clave para manter a vantaxe ao longo do encontro.
Apenas 20 segundos tardou Chuli en facer o único gol do partido para o cadro conserveiro. Rafa Pato mantivo a calma dentro da área rival para atraer defensoras e atopar a súa compañeira, que definiu cun golpeo pegado á cepa do poste para pór o 1-0.
A dinámica continuou sendo boa para o Poio Pescamar, que non ampliou a súa vantaxe grazas á meta do Futsal Alcantarilla Teresa Julve. Non quedou atrás Yanira, que repetiu como titular na portaría do conxunto poiense.
Estivo a piques de facer o 2-0 Ale de Paz nunha perda de balón da meta visitante, que arriscou máis da conta cunha condución ata campo contrario. A capitá do Poio non o pensou e probou cun disparo desde campo propio que se estrelou na madeira.
Yanira foi clave nos minutos finais do primeiro tempo, especialmente nun man a man que a gardameta detivo a Elisabet Carrasco a catro minutos do ecuador. O equipo de Luís López-Tulla tivo certos problemas para superar a presión do conxunto murciano.
Tras varias interrupcións que baixaron as pulsaciones, o encontro chegou ao descanso con vantaxe pola mínima dun Poio Pescamar que tentaría pechar o partido no segundo tempo.
Asinou un bo arranque o conxunto local tras o paso por vestiarios. Tanto foi así que a defensa do Futsal Alcantarilla tivo que despexar sobre a liña un remate de Martita que estivo a punto de supoñer o segundo tanto do encontro.
A resposta do cadro murciano púxoa Miriam, que se atopou a unha Yanira moi atenta achicando o espazo. Volveu ser salvadora a meta local cunha gran intervención nun potente disparo de Daniela a 13 minutos do final.
A mínima vantaxe do Poio Pescamar traduciuse nunha permanente calma tensa na que ningún equipo quería dar un paso en falso. O 1-0 mantívose ao longo dun segundo tempo que entrou nos seus dez últimos minutos con todo aberto.
Volveu tela o cadro murciano a catro minutos do final cun disparo de Lydia e volveu salvar, unha vez máis, unha gran Yanira baixo paus. Desde este momento decidiu arriscar Joaquín Peñaranga cun ataque de cinco do Futsal Alcantarilla.
As conserveiras defenderon con uñas e dentes e, ademais de manter a vantaxe, lograron forzar a expulsión de Miriam a un minuto da conclusión. A xogadora visitante viuse obrigada a agarrar a Débora Lavrador, que se marchaba soa para anotar a portaría baleira.
Aínda que insistiu ata o final o conxunto murciano, a vitoria quedou no Municipal da Seca. Este resultado permite ao Poio Pescamar sumar o seu quinto triunfo consecutivo e, ademais, manter a segunda praza a cinco xornadas do final de liga.
O camiño cara ao play-off continúa a próxima semana coa visita das conserveiras a un rival directo, o Arriva Alcorcón.
Consulta a acta neste enlace.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.