O Derbi da Ría entre Poio Pescamar e Marín Futsal arrincou con polémica e rifa entre os afeccionados ao ter que quedar na porta do Pavillón da Seca pola escaseza de entradas que se puxeron á venda para gozar do partido.
Segundo fontes presenciais, "había un tanto por cento que se tiña que vender na porta, pero eran as 16:30 horas e xa non quedaban entradas". Din estar "moi encabuxados" xa que moitos deles acudiron desde Verín e mesmo desde Guimarães, como é o caso dos familiares das xogadoras portuguesas do conxunto marinense. "Non hai control de aforo, non sabían dicir canta xente había dentro", lamentaron.
Os ánimos fóronse caldeando e tivo que mediar a Policía Local de Poio e a Garda Civil de Pontevedra. A situación acougouse sen ningún incidente e sen interpoñer denuncia algunha.