As designacións do Comité Técnico de Árbitros (CTA) para a xornada 24 de liga na Segunda RFEF levantaron bochas no principal rival do Pontevedra Club de Fútbol polo ascenso, o CD Numancia.
O perfil oficial en X do conxunto soriano compartiu este xoves a publicación do CTA de Pontevedra na que explicaba que un colexiado pontevedrés sería o encargado de dirixir o duelo entre Langreo e Numancia do próximo domingo 23 de febreiro no Nuevo Ganzábal.
Un árbitro de #Pontevedra dirixirá o #LangreoNumancia do domingo https://t.co/Dfts2KOXr5
— CD Numancia (cdnumancia) February 20, 2025
Con este movemento, o Numancia contribúe ás queixas dos afeccionados sorianos e tamén, de paso, a pór a lupa da sospeita sobre un árbitro de ampla traxectoria tanto en Segunda como en Primeira RFEF.
O árbitro en cuestión é o pontevedrés Aberto Gómez Lameiro, que estará acompañado dos asistentes Álvaro Gil Soriano e Sergio Míguens Santiago.
Quéixanse desde o entonrno do Numancia que é a segunda vez que isto ocorre na presente tempada, sinalando á designación do seu partido en Ávila da xornada 14 (empate 0-0), choque que foi arbitrado por Pedro Oreiro Hermida, aínda que se trata dun colexiado adscrito ao CTA da Coruña.
Naquela ocasión o adestrador dos sorianos, Aitor Calle, chegou a sinalar en rolda de prensa que "non entendo a política de que manden árbitros do mesmo grupo tendo outras posibilidades".
Unhas queixas e presións que se producen polo intenso man a man que están a protagonizar Pontevedra e Numancia polo primeiro posto, única praza de ascenso directo, empatados a puntos e sen outro rival que amague con inquietarlles a 12 xornadas para o final da liga regular.
No que respecta ao pontevedrés Gómez Lameiro, será a segunda vez que arbitre o Numancia. A anterior ocasión, na campaña 22-23 en Primeira RFEF con triunfo soriano por 1-2 no campo do Amorebieta.