Pólvora mollada no Arosa, que non pasa do empate fronte ao Celta Gran Peña (0-0)

O Salnés
18 de setembro 2023

O conxunto arlequinado, que xogou máis dunha hora en superioridade numérica, non logrou derrubar a resistencia celeste e tivo que conformarse cun punto na segunda xornada do campionato

Partido entre Arosa e Gran Peña na Lomba
Partido entre Arosa e Gran Peña na Lomba / Arosa SC

Segunda xornada de liga en Terceira RFEF e segundo tropezo dun Arosa ao que lle está custando coller o ritmo de comeptición.

O conxunto arlequinado non pasou este domingo do empate sen goles na Lomba fronte ao RC Celta C Gran Peña, a pesar de xogar durante máis dunha hora en superioridade numérica.

Os de Luisito foron os que tomaron a iniciativa desde o inicio, e aínda que con algún achegamento, non lograban perforar a portería rival. Todo cambiou aos 25 minutos coa expulsión do defensor celeste Álvaro por vermello directo.

A partir dese momento o dominio arousán acrecentouse, empezando un asedio á meta contraria.

Con todo, os minutos foron pasando sen acerto, cunha Gran Peña replegado sobre a porta do seu gardameta Alejandro Vila dando por bo un empate que acabarían conseguindo para desesperación local.

Con este resultado o Arosa, cun punto en dúas xornadas, queda estancado no posto 13 da táboa.