Ponte Caldelas protagonizará a primeira xornada do Rally Rías Baixas 2026

Ponte Caldelas
18 de xuño 2026

O municipio acollerá os dous primeiros tramos de competición da proba automobilística, puntuable para o Supercampionato de España de Rallys. Será o venres día 3 de xullo

Presentación en Ponte Caldelas da 57 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas
Presentación en Ponte Caldelas da 57 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas / Concello de Ponte Caldelas

O Supercampionato de España de Rallys pasará un ano máis por Ponte Caldelas.

O municipio forma parte do 59ª Rally Rías Baixas, que deu a coñecer os seus tramos e horarios de competición dun evento automobilístico que se celebrará a primeira fin de semana do mes de xullo.

Vigo será un ano máis o epicentro do rally, pero os primeiros tramos cronometrados do Rally Rías Baixas 2026 terán lugar en Ponte Caldelas para xúbilo dos afeccionados locais ao motor.

Antes diso a rúa Policarpo Sanz será escenario da cerimonia oficial de saída ás 21.30 horas do xoves 2 de xullo, mentres que á primeira hora do venres día 3 terá lugar un shakedown ou tramo espectáculo que non contará para a clasificación final.

Os primeiros tempos válidos contaranse na dobre pasada aos dous tramos deseñados en Ponte Caldelas, previstos para a tarde do venres 3 de xullo.

O primeiro deles será Ponte Caldelas-Vilarchán, con 13,72 quilómetros de percorrido e pasadas que arrincarán ás 17.01 e ás 20.31 horas. Trátase dun treito que mantén a súa configuración con respecto a 2025.

O segundo pola súa banda si contará con novidades, entre a propia Ponte Caldeas e Anceu, con 8,16 quilómetros cronometrados (17.49 horas e 21.19 horas).

Durante a actividade nestes tramos, o Parque Empresarial da Reigosa contará cun punto de asistencia remota para os participantes.

O 59ª Rally Rías Baixas completarase o sábado 4 de xullo cos tramos Vigo-Nigrán, Gondomar-Porriño, Salceda-Ponteareas e O Castro-Vigo.