Ponte Caldelas quenta os motores da dúa Subida máis numerosa

Ponte Caldelas
02 de agosto 2019

A proba que organiza a escudería Buxa Motor Poio pertence ao Campionato Galego de Montaña e conta cunha inscrición de 83 pilotos, 11 deles naturais de Ponte Caldelas

Subida a Ponte Caldelas 2018 Diego Torrado

Ponte Caldelas converterase esta fin de semana na capital do motor da provincia de Pontevedra coa celebración dunha nova etapa do Campionato Galego de Montaña.

Na Subida a Ponte Caldelas tomarán a saída 83 pilotos, 11 deles locais, para percorrer un circuíto de 3,8 quilómetros de lonxitude pola zona de Rebordelo. A liña de saída estará na estrada autonómica PO-224 en sentido cara a Soutomaior. Daquela os pilotos seguirán pola PO-103. Trátase dun trazado que mestura curvas moi rápidas, con outras moi pechadas. Ademais incopora unha chicane, un elemento único neste campionato e a novidade deste ano é que o tramo conclúe nunha longa recta, en lugar de en curva como ocorreu na edición pasada.

O CEIP Cordo Boullosa será o espazo onde se farán as verificacións administrativas e técnicas dos competidores, que logo levarán os seus coches ao parque pechado da Alameda. 

A proba comezará o sábado ás tres da tarde para a disputa das dúas primeiras mangas, mentres que a saída o domingo será ás nove da mañá para decidir os resultados das últimas dúas mangas

Desde o Concello lembran que se cortará o tráfico entre a rotonda de Pazos e a saída da estrada vella do Balneario. Ademais o cruzamento do Balneario será de dobre sentido para garantir a entrada á vila durante os días de competición. Tamén fan un chamamento á seguridade e piden ao público que se coloque en zonas habilitadas.