Ponte Muíños viviu unha festa da natación co Campionato Galego Máster

Pontevedra
16 de xaneiro 2018

A competición, organizada polo Club Natación Galaico e na que tamén tomou parte o Pons Vetus, celebrouse os días 13 e 14 de xaneiro na piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur

Campionato Galego Máster de Natación CN Galaico

Cando o resultado importa menos e o que de verdade conta é divertirse facendo deporte e superarse persoalmente a natación pódese converter nunha auténtica celebración.

Ese foi o espírito reinante na piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños durante as dúas xornadas do Campionato Galego Máster.

A cita, organizada polo Club Natación Galaico e na que tamén participou o Pons Vetus pontevedrés, reuniu a 28 clubs da comunidade con deportistas de diferentes idades.

Na clasificación de clubs, o gran vencedor foi o CN Travesas vigués (1.091 puntos) ao superar o Portamiña de Lugo (959 puntos) e o CN Rías Baixas (823). En canto aos clubs locais, o Galaico finalizou no sexto lugar (692,5 puntos) e o Pons Vetus fíxoo no posto 18 (163 puntos).

Durante o campionato batéronse ata 50 récords galegos, como os conseguidos por Xenia Vilariño e Sergio Betancourt defendendo as cores do Galaico.

Ademais o premio aos nadadores de maior idade foi para Celia Iglesias Blanco do CN Máster Mos e para Ramón Folch Mallobre do CN Arteixo.