Aínda é pronto para sacar grandes conclusións, pero a tendencia televisiva si empeza a ser rechamante no que respecta á participación do Pontevedra Club de Fútbol na Primeira RFEF.
Afirmaba o pasado mes de xullo a presidenta granate, Lupe Murillo, que "hai tres anos eramos o sexto club con máis audiencia da categoría", e sen coñecer ao detalle como transcorreron a nivel de audiencia as primeiras xornadas de liga o equipo pontevedrés é, polo momento, un dos que conta con maior presenza e sen horarios fóra do común.
Por unha banda, as dúas xornadas iniciais, tanto contra o Cacereño como o primeiro desprazamento ante a Ponferradina, foron incluídos na lista de dez encontros da categoría que ofrecen as plataformas Movistar Plus+, Orange, Digi, Zapi e +Media, que ofertan só a metade de encontros por xornada. Tamén Agalega.gal ofreceu o duelo no Toralín.
Esta situación repetirase co próximo atopo fronte ao Tenerife, o vindeiro domingo 14 de setembro ás 18.15 horas no Estadio Municipal de Pasarón.
Unha cobertura ampliada ás dúas plataformas que emiten a totalidade de encontros de Primeira RFEF, LaLiga+ e FC Play.
No que respecta aos horarios, o Pontevedra estreouse contra o Cacereño un sábado ás 17.00 horas, e o pasado domingo xogou contra a Ponferradina ás 19.00 horas, mentres que a terceira xornada foi fixado o seu duelo en domingo ás 18.15 horas.
A Real Federación Española de Fútbol confirmou ademais o día e hora da cuarta xornada, na que os granates visitarán o Athletic Club B en Bilbao. Será o sábado 20 de setembro ás 18.30 horas.
Desta forma os de Rubén Domínguez escapan, por agora, das franxas que máis queren evitar os afeccionados, especialmente as habilitadas en venres pero tamén en horarios matinais durante a fin de semana.