A defensa, e especialmente o centro da zaga, é unha das zonas con maior número de efectivos no plantel do Pontevedra Club de Fútbol, e con todo Rubén Domínguez arrinca unha nova semana cun serio problema 'central'.
O conxunto granate, con catro futbolistas habituados a xogar nesa demarcación, chegará moi xusto de pezas para configurar a súa defensa á visita o vindeiro domingo 14 de setembro (18.15 horas) do poderoso Tenerife a Pasarón, un equipo que chega como líder e único conxunto que gañou os dous partidos disputados até a data.
O Pontevedra iniciou a tempada contra o Cacereño con Miki Bosch e Antonio Montoro como parella no centro da defensa, mentres que Garay partiu como lateral e Juanra comezou o duelo no banco.
Nesa primeira xornada Benjamín Garay caeu lesionado nun duro choque cabeza contra cabeza que lle ocasionou un fractura do solo e parede lateral da órbita esquerda, fractura da parede antesuperior e lateral do seo maxilar esquerdo, así como fractura do arco cigomático esquerdo. Diagnóstico, polo menos un mes de baixa.
A súa ausencia contra a Ponferradina foi cuberta por Eimil no costado dereito, co técnico apostando por unha liña de tres centrais con Miki Bosch, Juanra e Montoro.
O resultado foi óptimo, cunha gran vitoria do equipo no Toralín e unha imaxe de gran solidez como bloque. Con todo dous deses tres centrais non acabaron o encontro por diferentes motivos.
Montoro foi expulsado por dobre amoestación, a segunda amarela máis que polémica ao supor o penalti co que a Ponferradina tivo a opción de empatar e que, revisadas as imaxes, segue a ser realmente dubidoso. Antes vira a primeira amarela no minuto 3 por un agarrón.
Pola súa banda Miki Bosch pediu o cambio por problemas musculares no minuto 56, sendo substituído por Adrián Expósito.
As súas molestias convértenlle nunha seria dúbida para a próxima xornada de liga, o que de confirmase a previsible sanción de Montoro provocaría que só un central, Juanra, estea dispoñible para o partido contra o Tenerife.
Nos minutos finais en Ponferrada Rubén Domínguez situou no eixo da zaga ao propio Juanra acompañado por Eimil, máis centrado, e por Nico Conesa, que atrasou a súa posición habitual.
Por aí aparece unha das posibles solucións que ten sobre a mesa ao técnico, aínda que seguro que non será a única. Por diante ten cinco adestramentos para buscar a mellor alternativa.