Pontevedra dá a benvida ao Multisport de tríatlon mirando ao futuro: "Isto non acaba aquí"

Pontevedra
18 de xuño 2025

A Casa Consistorial acolleu este mércores a presentación oficial dos Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon, unha cita que Pontevedra organiza por segunda vez na súa historia

Presentación oficial do Multisport de Tríatlon

En 2014 foi o Mundial de Dúatlon, en 2019 os Mundiais Multideporte, en 2023 a Gran Final das Series Mundiais e agora, de novo, chega a Pontevedra o Multisport de tríatlon.

A Casa Consistorial da Boa Vila foi escenario este mércores da presentación oficial dos mundiais que Pontevedra albergará entre o 20 e o 29 de xuño.

"Síntome orgulloso de ser o alcalde da cidade que máis eventos de tríatlon fixo no mundo", presumiu na súa intervención o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Fíxoo ademais consciente de que "isto non acaba aquí", avisando sobre a Gran Final que de novo acollerá Pontevedra en 2026 e que "queremos que sexa a mellor que se fixo nunca".

Lores pediu aos veciños da cidade "que coma sempre arroupen os deportistas" durante os 10 días de competición e de festa, cunha gran variedade de actividades paralelas.

Presentación oficial do Multisport de TríatlonMónica Patxot

O rexedor estaba acompañado pola edil de Deportes, Anabel Gulías, pero tamén polo vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; a directora xeral de Xustiza e Deporte, Blanca García Señoráns; o director de competicións da Federación Española de Tríatlon, Jorge García; e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Campos.

"Pontevedra sempre será diferente e especial", afirmou na súa intervención Jorge García lembrando todos os anos que levan organizando probas do máximo nivel nacional e internacional na cidade.

ATA 165 DEPORTISTAS GALEGOS

Serán máis de 3.500 os deportistas participantes no Mulstisport, de 44 países diferentes e de entre 15 e 87 anos de idade.

Entre eles haberá 165 galegos "entre os grupos de idade, elite, sub23 e júnior", destacou o presidente da Federación Galega.

"Se nos deixasen participar como selección seriamos a máis numerosa", afirmou Javier Campos.

Entre os nomes a seguir o presidente federativo sinalou como opcións a medalla ao local Cristian Fernández en acuatlón xunto a Andrés Cendán, Elsa Pena, Damián Suárez e Lucas Ribo, en dúatlon a Antonio Serrat, Sara Reimono, Jarno Pousada e Damián Suárez e en tríatlon cros Elsa Pena e Lucía Piñón.

"Todos eles nalgún momento pasaron por Pontevedra para adestrar cos seus grupos ou no CGTD", concluíu Campos.