Pontevedra e Caldas de Reis quedarán unidas en setembro por un novo medio maratón

Pontevedra
11 de xullo 2026

A carreira, con saída desde a Ponte do Burgo e meta no municipio caldense, transcorrerá polo trazado do Camiño Portugués

Anuncio de Correndo no Camiño GLOBAL DXT Pontevedra

A empresa Global DXT Pontevedra anuncia a creación de "Correndo no Camiño", unha carreira de atletismo popular sobre a distancia de 21 quilómetros que celebrará a súa primeira edición o sábado 19 de setembro de 2026.

A proba desenvolverase ao longo do itinerario que segue o Camiño Portugués de Santiago, establecendo un enlace deportivo directo entre o municipio pontevedrés e Caldas de Reis.

O trazado da competición alternará superficies de asfalto e pistas de terra. A organización indicou que o percorrido presenta unha dificultade técnica baixa, o que facilita a participación tanto de corredores habituais como de persoas que se inicien na distancia do medio maratón.

Para completar o traxecto, os deportistas disporán dun tempo máximo de dúas horas e 45 minutos.

A xornada comezará ás 12:00 horas do mesmo sábado 19 coa repartición de dorsais, proceso que se estenderá ata as 15:30 horas. Ás 17:00 horas darase a saída oficial desde a ponte do Burgo, en Pontevedra.

Para ordenar a marcha, a saída estruturarase mediante caixóns baseados nas marcas de tempo previstas polos propios atletas.

A inscrición inclúe un sistema de cronometraxe electrónica por chip con puntos de control intermedio obrigatorios. Os corredores disporán de tres puntos de avituallamento durante o traxecto (nos quilómetros 5, 10 e 15), un espazo de avituallamento ao chegar á meta, servizos médicos, duchas e estacionamento.

A entidade organizadora tamén facilitará autobuses para os desprazamentos e un servizo de gardarroupa encargado de transportar as pertenzas desde o punto de inicio ata Caldas de Reis.

O regulamento establece unha clasificación dividida en modalidades por idade tanto masculinas como femininas, que abarcan desde os 16 anos ata os maiores de 55.

Nova proba deportiva entre Pontevedra e CaldasGLOBAL DXT Pontevedra

O programa inclúe ademais categorías específicas para corredores con diversidade funcional, entre as que figuran divisións para persoas en cadeira de rodas con impulsión manual, cadeiras con acompañante e bicicletas de man (handbike).

Todos os atletas que finalicen a proba antes do límite horario recibirán unha medalla conmemorativa na liña de meta. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora