O Pontevedra confirma a saída de Igor Irazu

Pontevedra
03 de agosto 2025

O central vasco despídese do club despois dunha tempada na que disputou 22 de partidos de Liga e tres de Copa do Rei

Partido Pontevedra CF - CD Laredo en Pasarón Cristina Saiz

Dúas semanas despois do inicio da pretemporada, Igor Irazu e o Pontevedra Club de Fútbol confirmaron a saída do xogador.

A continuidade do futbolista vasco no equipo era unha incógnita até este domingo, aínda que a súa ausencia nos adestramentos xa presaxiaba que non seguiría no club.

O futbolista despediuse a través dun comunicado publicado nas súas redes sociais, onde afirmou que o ano que pasou no equipo granate "foi incrible, cheo de esforzo, aprendizaxe e momentos que nunca esquecerei".

Irazu agradeceu "de todo corazón á afección, que nos acompañou con paixón en cada partido e na que sempre me sentín moi querido. Sentir o voso alento en Pasarón e fóra foi algo moi especial".

No comunicado tamén quixo dar as grazas aos seus compañeiros e ao corpo técnico, e recoñeceu que se marcha "coa satisfacción de formar parte desta familia granate e de deixar todo en cada partido por esta cidade. Este ano quedará sempre na miña memoria", concluíu.

Na súa etapa como futbolista do Pontevedra, Igor Irazu disputou un total de 22 partidos de Liga, nos que anotou un gol, e tres de Copa do Rei.