Pontevedra e Racing, pendentes da enfermaría

Pontevedra
11 de febreiro 2016

Pablo Carnero foi o último en evidenciar problemas físicos no cadro granate, durante o adestramento do mércores, e será baixa para o choque do domingo ante o líder. Os ferroláns, pendentes da portería tras o susto protagonizado polo seu terceiro gardameta, tendo en conta que o titular, Ian Mackay, e o suplente, Sergio Cabanelas, son baixa confirmada

Pablo Carnero durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe Mónica Patxot

Non está a ser a súa mellor tempada, afastado dun óptimo estado de forma que estaba a tentar recuperar e que os problemas físicos empéñanse en dificultar.

Pablo Carnero foi o último dos xogadores do Pontevedra en pasar pola enfermaría, despois de notar importantes molestias musculares durante o adestramento do mércores en Príncipe Felipe.

O dianteiro, á espera de coñecer se existe rotura, será baixa para a visita do líder, Racing de Ferrol, ao Estadio Municipal de Pasarón (domingo, 17:00 horas), pero non é o único futbolista granate entre algodóns.

Coa baixa confirmada de Kevin Presa por sanción, que aproveita estes días para recuperar o seu maltreito nocello, e de Mouriño, que continúa co seu proceso de recuperación, Luisito está pendente de Álex Fernández, con molestias, e de Company e Bruno, que atravesan un proceso gripal.

Pero non é o Pontevedra o único que está pendente do estado de varios xogadores, xa que o Racing de Ferrol vive en estado de alerta pola situación da súa portería. Descartado por lesión o seu gardameta titular, Ian Mackay, e o seu habitual suplente, Sergio Cabanelas, baixa durante dous meses por unha lesión de ombreiro, todo queda en mans do recentemente fichado Sergio García.

En idade xuvenil, con só 18 anos, Sergio incorporouse ao Racing no mercado invernal procedente do filial do Alcorcón e sobre el recae agora toda a responsabilidade de defender a portería do seu equipo en Pasarón.

Con todo, esa circunstancia estivo a piques de ser máis rocambolesca se cabe, porque o novo gardameta tivo que abandonar a sesión deste mércores por molestias nun dedo, provocando a preocupación de Miguel Ángel Tena e o seu corpo técnico.

A pesar diso Sergio García apunta a titular o vindeiro domingo, mentres o posto de porteiro suplente no banco ocuparao previsiblemente un gardameta do equipo xuvenil.

Ademais o técnico ferrolán deberá afrontar a probable baixa de Diego Maceira, que traballa á marxe dos seus compañeiros.