O Pontevedra explica a lesión de Tiago: "Referiu molestias no xeonllo durante a última semana"

Pontevedra
05 de febreiro 2026
Actualizado: 17:34

O club granate publicou o parte médico oficial da grave lesión que sofre o centrocampista, fixando "un tempo estimado de recuperación de entre seis e oito meses"

Tiago Rodríguez, adestrando co Pontevedra 25-26 na Xunqueira

Tiago Rodríguez estará afastado dos terreos de xogo "entre seis e oito meses".

Así se establece no parte médico oficial sobre a grave lesión do futbolista granate feito público este xoves por parte do Pontevedra Club de Fútbol.

A entidade da Boa Vila explica no texto a situación vivida polo xogador, que tras varias semanas arrastrando molestias físicas terminou lesionándose nos últimos minutos do partido en Talavera.

"Tiago Rodríguez López referiu molestias no xeonllo esquerdo durante a última semana, as cales se agudizaron tras o último partido disputado fóra da casa, chegando a provocar dor intensa que dificultaba o desenvolvemento normal das súas actividades habituais", sinala o parte elaborado polos servizos médicos do Pontevedra.

Ante esa situación "considerouse necesaria a realización dunha resonancia magnética urxente do xeonllo esquerdo", e as probas, tal e como puido confirmar este xoves PontevedraViva, "mostraron achados compatibles cunha rotura completa do ligamento cruzado anterior", confirma o Pontevedra.

Con este diagnóstico "o xogador deberá ser intervido cirurxicamente e posteriormente iniciar un proceso de rehabilitación física, cun tempo estimado de recuperación de entre seis e oito meses, polo que causará baixa de longa duración e perderase a presente tempada", conclúe o texto.

Ademais os servizos médicos afirman que "seguirán de cerca a evolución do xogador".

Unha baixa dolorosa e sensible para o plantel pontevedrés, que perde un dos homes que destacaran en canto a rendemento na primeira metade da tempada, e que obriga agora o club a valorar as opcións coas que aínda conta para reforzarse pese ao peche do mercado de fichaxes.