A pretempada do Pontevedra arrancará o 29 de xullo ante o Fabril

Pontevedra
16 de xullo 2026

Xa se coñecen o sete encontros de preparación do conxunto granate, que se medirá ao Fabril, Arosa, Estradense, Ourense CF, Coruxo FC, Bergantiños e CF Muxía nas próximas semanas

Partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón / Cristina Saiz

A volta ao traballo do Pontevedra Club de Fútbol co seu primeiro adestramento do novo curso trae consigo a lista de partidos que disputará o equipo de Rubén Domínguez ao longo da pretemporada.

O conxunto lerezano ten por diante dúas semanas de adestramentos antes da súa primeira proba sobre o verde.

Non será ante un rival menor, pois os de Rubén Domínguez visitarán o Campo de San Pedro en Villalonga o próximo 29 de xullo para medirse a un recentemente ascendido a Primeira Federación como é o Deportivo Fabril.

Apenas tres días despois, o 1 de agosto, a expedición granate viaxará até A Lomba para disputar o Trofeo San Roque ante outro recentemente ascendido, pero a Segunda Federación, como é o Arosa SC.

Hai que baixar unha categoría máis para o terceiro partido da pretemporada, que será no Novo Municipal o 8 de agosto ante o Estradense, equipo que disputou o play-off de ascenso en Terceira Federación.

O día 15 do mesmo mes chegará o quinto amigable ante un vello coñecido como é o Ourense CF, recentemente descendido á cuarta categoría. O escenario do encontro está aínda pendente de confirmación.

Xa na recta final da pretemporada o conxunto granate repetirá un dos partidos de preparación do pasado curso visitando o Coruxo en O Vao. Será o día 19 de agosto.

E, por último, o equipo de Rubén Domínguez disputará un triangular o 23 de agosto co Bergantiños e o CF Muxía, equipo de Primeira Futgal. Será no campo da Arliña, na localidade de Muxía.

Estes son o sete encontros programados até a data que Rubén Domínguez ten por diante para lograr que o seu equipo afronte a primeira xornada de liga contra o Real Avilés nas mellores condicións posibles.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora