O Pontevedra leva a Tenerife todo o plantel, incluído lesionados

Pontevedra
16 de maio 2026

A expedición granate a Tenerife, onde o Pontevedra busca asegurar este domingo un posto no play-off de ascenso, está composta por todos os xogadores do primeiro plantel

Partido entre Pontevedra CF e Athletic Club B
Partido entre Pontevedra CF e Athletic Club B / Cristina Saiz

Máis que un equipo, unha familia.

Así se defendeu ao longo da tempada, desde xogadores e corpo técnico, o ambiente que se vive no actual vestiario do Pontevedra Club de Fútbol.

A sensación é que ninguén merecía perder unha data na que os granates poden lograr algo impensable a principio de tempada, asegurar matematicamente un posto no play-off de ascenso, e así o viron tamén desde a entidade da Boa Vila.

Por iso o primeiro plantel do Pontevedra ao completo estará no Estadio Heliodoro Rodríguez López de Tenerife.

Máis aló da convocatoria oficial para o encontro, a expedición granate estará composta pola totalidade dos futbolistas, incluídos os lesionados de longa duración como Juanra e Tiago Rodríguez.

Todo un recoñecemento ao esforzo realizado ao longo de toda a tempada.

O Pontevedra tiña previsto poñer rumbo ás Illas Canarias tras a última sesión de adestramento fixada á primeira hora deste sábado na Xunqueira, cun plan de viaxe en avión con saída desde Vigo e escala en Madrid.

Co partido en Tenerife ás 17.00 horas do domingo, os granates non poderán regresar a casa até o luns, a través nesta ocasión do aeroporto da Coruña.