O Pontevedra, a por todas en Tenerife: "Non se diferencia moito o empate da derrota"

Pontevedra
15 de maio 2026

O adestrador dos granates, Rubén Domínguez, cre que "hai un rival que vai facer seis puntos", polo que "temos que ir gañar un partido, e a primeira oportunidade é esta fin de semana"

Rubén Domínguez, na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón
Rubén Domínguez, na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón / Sergio Guillermo Lourés Miranda

O Pontevedra Club de Fútbol ten claras as súas contas para estar no play-off de ascenso a Segunda División. Bástalle, nas dúas xornadas que restan, con vencer nun dos seus encontros sen mirar ao que fagan os rivais.

Por ese motivo, e porque nesta ocasión os números din que "practicamente non se diferencia moito o empate da derrota", os granates irán a por todas no campo do xa campión Tenerife (domingo 17 de maio, 17.00 horas).

Así o recoñeceu este venres o adestrador do equipo da Boa Vila, Rubén Domínguez, coa crenza de que "hai un rival que vai facer seis puntos". Ante iso "nós temos que ir gañar un partido e a primeira oportunidade que temos é esta fin de semana", asegura.

"Xogámonos directamente unha ilusión pola que imos traballando todo o ano", engade o preparador ourensán revelando que o plantel está concentrado e ilusionado ante o reto que se lle presenta.

"Imos ir a Tenerife como fomos toda a liga, coa máxima ilusión, coa máxima ambición e con esa mente clara de saber que gañar implica meternos nun play-off para xogar en Segunda División, que se di pronto", incidiu Rubén.

En todo caso o técnico pide prudencia porque "imos deixar a alma para meternos no play-off, pero pode non pasar. Entón temos que estar tranquilos e crer que é moi difícil. Hai que pechalo e queremos pechalo xa", defendeu este venres desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.

Rubén Domínguez lembrou ademais a calidade dun Tenerife que dominou con puño de ferro o grupo I de Primeira RFEF sendo "un equipo de alto nivel, dun rendemento soberbio durante todo o ano".

Tanto é así que son "o equipo máis goleador, o menos goleado e ascenderon a falta de non sei cantas semanas. Entón o nivel e calidade dos seus xogadores é altísimo e aínda que non se xogan nada, eles a nivel individual seguramente cada xogador terá os seus retos e os seus obxectivos individuais", analizou.

Para a cita o técnico recupera a Montoro tras cumprir sanción e só contará coa baixa por lesión de Eimil, xunto aos lesionados de longa duración. "Álvaro o outro día podía dispor de minutos, non quixemos arriscar pero xa fixo ben a semana, e Garay tamén foi progresivamente e acabou ben a semana", revelou.

O adestrador granate tamén tivo palabras para os máis de 100 afeccionados granates que estarán presentes no Heliodoro Rodríguez López e para a ilusión que se percibe na Boa Vila, coa instalación mesmo dunha pantalla xigante, e é que "ao final conseguimos entre todos xerar isto e agora hai que gozalo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora