Pontevedra, premiada na Gala Nacional da Federación Española de Taekwondo

Pontevedra
20 de febreiro 2016

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recolleu en Madrid un galardón que recoñece ao Concello como o organismo oficial que máis colaborá co taekwondo durante o ano 2015

O alcalde de Pontevedra recibe o Premio de Taekwondo
O alcalde de Pontevedra recibe o Premio de Taekwondo / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este venres en Madrid o recoñecemento ao Concello de Pontevedra por parte da Federación Española de Taekwondo na súa Gala de Premios Nacionais.

En concreto, a Federación outorgou a Pontevedra o premio á dirección xeral de deportes ou organismo oficial que máis colaborou co taekwondo durante 2015, nun ano no que a cidade de Lérez foi sede do Open de España.

"É un novo premio que constata a aposta que fai Pontevedra polo deporte, neste caso do deporte de competición e elite", sinalou o rexedor da capital.

Os Gala Premios Nacionais de Taekwondo celebrouse no Salón Goyneche do Comité Olímpico Español, e na mesma foron recoñecidos tamén representantes da Federación Galega como a xuíza María Bautista, Noelia Pérez, directora técnica da Federación, ou o ribeirense Alejandro Vidal como mellor deportista de combate na categoría de paratekwondo.