Pontevedra prepárase para a versión máis popular do seu tríatlon

Pontevedra
11 de agosto 2015

A XV edición do Tríatlon Cidade de Pontevedra disputarase o próximo domingo 23 de agosto, coa versión federada sendo a última cita clasificatoria para o Campionato Galego e a versión popular co circuíto Yositri impulsado pola Federación Española

Anxos Riveiro presenta o XV Tríatlon Popular Cidade de Pontevedra
Anxos Riveiro presenta o XV Tríatlon Popular Cidade de Pontevedra / Mónica Patxot

É unha proba clásica no calendario galego e nacional, "unha dás máis antigas de Galicia xunto a Ferrol ou Allariz", recoñece a concelleira de Deportes Anxos Riveiro, e que experimentou un gran crecemento dende a súa creación.

O Tríatlon Cidade de Pontevedra vivirá o próximo domingo 23 de agosto a súa XV edición xirando cara á súa versión máis popular, a que achega o circuíto Yositri da Federación Española, unha iniciativa destinada á participación de deportistas afeccionados de todas as categorías e idades.

Na súa parte federada, a proba será a última cita clasificatoria para o Campionato Galego que se celebrará en setembro en Lugo. Correrase en distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira) con saída ás 12:20 horas en categoría feminina e ás 12:30 na masculina.

A saída e zonas de transición estarán instaladas, como de costume, no ámbito da ponte dos Tirantes, mentres o percorrido en bicicleta transcorrerá por Rafael Areses, campus universitario, Avenida de Compostela ata o final dos dous carrís e a Avenida de Bos Aires e a carreira a pé se dirixirá cara Monte Porreiro.

Será o mesmo circuíto que o deseñado para a competición popular, cuxa inscrición se prolongará ata o 18 de agosto buscando "que a xente que está de vacacións pola comarca se anime a participar", recoñeceu o técnico do Instituto Municipal de Deportes David Pérez Araújo.