Tres novas probas acollerá a cidade de Pontevedra no marco do convenio que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou este mércores co presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea.
Este acordo anual para o fomento deste deporte na cidade conta cunha achega de 15.000 euros.
Os cartos irán destinados á organización da Copa de España de 500 e 200 metros, con probas selectivas o día anterior, que se celebrará os días 28 e 29 de maio; ou o Campionato de España de novas promesas que, en categoría cadete e infantil, terá lugar en agosto.
Ademais, o 11 de xuño será o Open Media Maratón Cidade de Pontevedra, unha regata que permitirá probar o percorrido do Europeo desta especialidade que se celebrará no río Lérez a finais dese mes.
A celebración do Open Media Maratón servirá para probar por primeira vez nun campionato no mundo un sistema hidráulico de saída en liña, segundo explicou Alfredo Bea, que permitirá non ter que instalar un pantalán e que sexa un sistema automático o que impida que os participantes saian antes de que o indiquen os xuíces.
Tanto Lores como Bea destacaron a importancia do piragüismo na cidade, na que hai cinco clubs dedicados a este deporte e é berce de padexeiros de gran traxectoria, que adestran diariamente no río Lérez e no Pontillón do Castro.