Pontevedra repetirá en 2026 como sede da Copa de España de Natación de Primeira División

Pontevedra
24 de marzo 2026

A Real Federación Española de Natación designou a Rías do Sur como sede por segundo ano consecutivo do evento nacional. Celebrarase no mes de decembro

Copa de España de Clubs de Primeira División en Rías do Sur
Copa de España de Clubs de Primeira División en Rías do Sur / Cristina Saiz

Por segundo ano consecutivo Pontevedra será sede dunha das grandes competicións nacionais de natación a nivel de clubs.

A Real Federación Española de Natación confirmou a designación de Sabadell e de Pontevedra como sedes oficiais das Copas de Clubs de División de Honra e 1ª División, respectivamente.

Trátase dunha competición que xa se organizou no Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños en decembro de 2025.

O Club Natación Galaico, ademais de organizador, foi o único equipo galego en competición logrando a permanencia nunha gran actuación colectiva.

Por aquel entón competiron na Boa Vila durante tres xornadas 386 nadadores de 24 clubs (12 masculinos e 12 femininos).

A Copa de España de Natación de 1ª División celebrarase concretamente do 18 ao 20 de decembro de 2026.

Será pois a guinda a un ano de grandes eventos acuáticos en Pontevedra, que arrincou co Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Natación e que acollerá do 29 ao 31 de maio a cuarta proba puntuable da Copa do Mundo de Natación Artística.

Ademais xa se celebrou o Campionato de España Alevín e Infantil de Inverno de Natación Artística e o río Lérez será escenario en agosto dunha Travesía do Lérez enmarcada dentro da Copa de España de Natación en Augas Abertas.