O Pontevedra, a tiro da súa segunda maior puntuación histórica

Pontevedra
23 de abril 2025

Aínda recuperándose das celebracións polo seu ascenso a Primeira RFEF, os granates empezan a recobrar a normalidade mirando cara ás dúas últimas xornadas de liga en Segunda RFEF

Yago Iglesias, manteado na celebración do ascenso do Pontevedra en Pasarón
Yago Iglesias, manteado na celebración do ascenso do Pontevedra en Pasarón / Cristina Saiz

O plantel do Pontevedra Club de Fútbol apura as últimas horas de merecido descanso tras as intensas celebracións polo ascenso a Primeira RFEF.

Os xogadores non volverán aos adestramentos até o xoves 24, pero xa empezan a pensar nas dúas semanas de competición que restan antes de que conclúa definitivamente a liga e poidan comezar as súas vacacións.

Neste período aparece no horizonte un pequeno reto para os granates, menor sen dúbida, pero nada despreciable.

Os de Yago Iglesias aseguraron o primeiro posto a falta de dúas xornadas grazas aos 69 puntos que atesouran, e poderían chegar aos 75 puntos se vencen o vindeiro domingo 27 de abril no feudo da Gimnástica de Torrelavega e repiten contra o Ávila en Pasarón o día 4 de maio.

Ambos os dous partidos por certo celebraranse en horario unificado ás 12.00 horas, segundo o establecido pola Real Federación Española de Fútbol.

Pero volvendo ao tema, eses teóricos 75 puntos serían a segunda maior puntuación histórica do club, e é que só na tempada 2014-2015, a que supuxo o ascenso a Segunda B tras catro campañas no inferno de Terceira, superouse esa cifra total con 79 puntos. Claro que naquela liga participaban 20 equipos e non 18 como na Segunda RFEF, polo que se conseguiu con catro encontros máis.

Por comparalo con outras tempadas nas que os granates finalizaron como campións, no curso 2006-2007 finalizaron primeiros de grupo en Segunda B con 73 puntos e na 2003-2004, na que acabarían ascendendo a Segunda División, fixérono con 72 puntos.

Ademais eses 75 puntos marcarían un novo tope de puntuación no Grupo I de Segunda RFEF, no cuarto ano de existencia da categoría.

Desde a reestruturación do fútbol nacional nese Grupo I acabaron como campións o propio Pontevedra (65 puntos na 21-22), o Arenteiro (73 puntos) e e Ourense CF (73).

Iso si, a marca absoluta da Segunda RFEF quedará un pouco lonxe, xa que a comparten o Córdoba (tempada 21-22) e o Bilbao Athletic (23-24) con 82 puntos.