Xornada importante para o Pontevedra Club de Fútbol, que este sábado 8 de novembro (18.00 horas) visita en Salamanca a Unionistas, un dos equipos que marca a fronteira cos postos de descenso.
Sábeo Rubén Domínguez, que decidiu levar á cidade salmantina "os 21 xogadores do primeiro plantel. Imos viaxar todos", avanzou sen contar nesa lista xa a Hervías.
O técnico aspira a "enganchar catro semanas puntuando", e tamén a que "o equipo se vaia atopando mellor e que cada vez máis xogadores sumen para a causa".
Ademais "estamos moi ilusionados co que nos vén este mes", asegura Domínguez ante varias xornadas nas que se medirán con equipos do pelotón medio e baixo da categoría e á espera de coñecer tamén o rival para a segunda rolda da Copa do Rei.
En canto ao que espera do partido no Estadio Reina Sofía de Salamanca, "levamos tres visitas consecutivas a estadios entre comiñas quentes, porque O Carballiño aperta, o campo da UD Ourense aperta e agora é o que nos imos a atopar en Salamanca. É tamén unha afección pasional, unha afección que aperta e atoparémonos un equipo un pouco reflexo do que é a identidade da súa afección, que vai apertar, un equipo que vai a empuxar, a meter centros e que vai ir case ao home en situacións de presión", analizou desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
Ante esta situación pide ao seu Pontevedra "saber manexar os tempos do partido, saber manexar o ambiente que nos imos a atopar e saber que nós estamos capacitados a un partido de gañarlle a calquera rival nesta categoría, como estamos a demostrar".
Rubén cre ademais que o seu equipo ten aínda "moita marxe de mellora".
Neses deberes que lle pon aos seus cre que "facemos a nivel defensivo moitas cousas mellor do que nos está penalizando a nivel de goles. Hai varios partidos que debemos e merecemos deixar a portaría a cero, e a nivel ofensivo temos que achegarnos a esa versión dos últimos partidos en Pasarón", explicou antes de subir ao autobús que debía desprazar á expedición granate ata Salamanca.