A pontevedresa Daniela Suárez arrinca a Superfinal da Copa do Mundo cun oitavo posto

Pontevedra
20 de xuño 2026
Actualizado: 13:48

A nadadora lerezana estreouse este venres en Toronto cunha meritoria oitava posición na proba de 'só técnico feminino'. O ouro foi para a deportista chinesa Huiyan Xu

Daniela Suárez na Superfinal de Toronto RFEN

Apenas tres semanas despois da súa espectacular actuación na Copa do Mundo de Pontevedra, a lerezana Daniela Suárez entra de novo en acción coa súa participación na Superfinal de Toronto, en Canadá.

E é que a pesar de estar aínda en idade júnior, Daniela gañouse un oco na selección española absoluta para competir nesta última parada da Copa do Mundo de Natación Artística que se celebra ao longo da fin de semana en augas canadenses.

A deportista do CNA Galaico Pontevedra estreouse este venres na final de `só técnico feminino' cunha meritoria oitava posición tras sumar 233.8333 puntos. Un resultado máis que positivo para unha Daniela que, aos seus 17 anos, comeza a achegarse aos poucos aos postos altos en cada competición.

A gañadora da proba foi a chinesa Huiyan Xu, que sumou un total de 264.4450 puntos para imporse á segunda clasificada, a alemá Klara Bleyer (254.6417 puntos) e á bronce, Moe Higa (252.8258 puntos). Cabe destacar que a pontevedresa foi a máis nova do top 8 dunha final que contou con quince participantes.

A súa andaina pola Superfinal da Copa do Mundo non termina aquí xa que Daniela Suárez competirá de novo este sábado ás 23:15 (horario peninsular) na final de 'dúo técnico feminino' xunto á súa compañeira Naia Álvarez.

Pechará a súa participación na competición o domingo pola tarde na final de ´duo libre feminino'. A súa parella de baile será, unha vez máis, a alacantina Naia.

Esta será tamén a última proba para unha selección española que só se presentou nesta ocasión ás modalidades femininas individuais e dúo.

O resto do equipo de Andrea Fuentes non viaxou a Canadá para participar nas rutinas colectivas e xa se prepara para a gran cita do calendario, o Campionato de Europa que se celebrará en París entre o 31 de xullo e o 16 de agosto.