A etapa de Tere Abelleira como xogadora do Real Madrid CF chega ao seu fin tras seis tempadas defendendo a camiseta do conxunto branco. A pesar de que a súa saída era un segredo a voces xa que a xogadora termina contrato este 30 de xuño, o club fíxoo oficial este venres a través dun comunicado.
A pontevedresa chegou ao club na tempada 20/21 tras brillar no RC Deportivo e facerse un nome dentro da elite do fútbol feminino nacional. Tanto foi así que a Selección Española non dubidou en contar con ela.
Ao longo destas seis tempadas, Tere alzouse como unha das pezas clave no Real Madrid ademais de lograr importantes títulos co combinado nacional tales como a Copa do Mundo en 2023 e a liga de Nacións en 2024.
Con todo, unha grave lesión de xeonllo en febreiro de 2025 apartou á xogadora lerezana dos terreos de xogo durante varios meses e privouna de disputar a Eurocopa dese verán coa Selección Española. Esta lesión pasou factura a unha Tere Abelleira que non logrou reencontrarse coa súa mellor versión.
É por iso que, tras unha tempada sen protagonismo no conxunto branco, a xogadora e o club decidiron non renovar a súa relación contractual e pór fin así a seis tempadas como xogadora do cadro madrileño.
💫🎩🙌 pic.twitter.com/Vq6gLS0RAd
— Real Madrid C.F. (realmadridfem) June 12, 2026
A través dun comunicado, o Real Madrid quixo "expresarlle o seu agarimo e o seu agradecemento por representar os valores do Real Madrid durante estas seis tempadas que defendeu a nosa camiseta".
Doutra banda, desde o club aseguran que o Madrid "é e sempre será a súa casa" ademais de "desexarlle moita sorte a ela e a toda a súa familia nesta nova etapa da súa vida". Ademais do comunicado, o conxunto merengue compartiu nas súas redes sociais un emotivo vídeo de despedida cos seus mellores momentos.
Con só 26 anos, a xogadora da Boa Vila ten aínda unha prometedora carreira por diante. Malia que o seu futuro é incerto, todo apunta a que o seu próximo club estará entre o Atlético de Madrid ou o Brighton da liga inglesa.