Posta de longo da tempada para un renovado Club Natación Galaico

Pontevedra
07 de outubro 2014

O club pontevedrés inicia a tempada con preto de 200 nadadores co obxectivo de "optar a todos los campeonatos gallegos". Diego Pérez, novo director técnico tras a marcha de Álvaro Reiriz

Presentación do Club Natación Galaico 2014/2015
Presentación do Club Natación Galaico 2014/2015 / CN Galaico

Con preto de 200 nadadores nas diferentes categorías e obxectivos ambiciosos o Club Natación Galaico encara unha nova tempada con cambios no seu organigrama.

Tras a marcha de Álvaro Reiriz á Residencia Blume de Madrid, o adestrador do club Diego Pérez asume a dirección técnica dos diferentes equipos.

Miguel Cano: "Queremos optar a todos los campeonatos gallegos"

Por diante meses de competición nos que "queremos optar a todos los campeonatos gallegos", recoñeceu o presidente, Miguel Cano.

Ademais, mirando de esguello aos diferentes campionatos nacionais, intentarase lograr a permanencia na Primeira División da Copa de España de Clubs.

A nivel organizativo o Galaico será anfitrión en febreiro de 2015 do Campionato de España de Natación Máster, no que se espera a presenza de máis de 1.000 deportistas.