Prato forte para o Teucro na súa volta á competición

Pontevedra
13 de xaneiro 2017

O cadro pontevedrés volve á actividade na División de Honra Prata de balonmán cun duelo polo liderado ante o Balonmano Zamora (sábado, 20:30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes. "Aunque todavía queda toda la segunda vuelta es un partido muy importante", recoñece o segundo adestrador azul, Luís Montes

Partido entre Teucro e Alcobendas no Municipal Cristina Saiz

Volve a División de Honra Prata de balonmán ao Pavillón Municipal dos Deportes e faino cun cita importante, todo un duelo polo liderado e de paso polo ascenso directo á máxima categoría.

O Teucro, que chega como líder ao comezo da segunda volta, recibe este sábado (20:30 horas) ao Balonmano Zamora, equipo ao que avantaxa nun só punto na clasificación.

"Aunque todavía queda toda la segunda vuelta es un partido muy importante", recoñece o segundo adestrador azul, Luis Montes, que espera un partido "durísimo".

Despois de case un mes sen competir e dúas semanas de intensa preparación no cadro teucrista son conscientes de que "ningún equipo es capaz de llegar al 100% después del parón", pero aseguran que o bloque chega "en buen momento".

Nunha semana marcada pola incidencia da gripe que afectou mesmo ao propio adestrador Quique Domínguez, ausente na rolda de prensa previa ao choque, a única baixa dos pontevedreses será a do lesionado José Manuel Rial.

Máis afectado chega ao Municipal o Zamora, xa que dous dos seus xogadores participan estes días coas súas seleccións nacionais no Mundial de Francia, polo que non estarán na cidade de Lérez. Son os casos do chileno Sebastián Ceballos e do arxentino 'Fafa' Cangiani.

Os colexiados encargados de dirixir o encontro será os cataláns Ausas Busquets e Florenza Virgili.