Impactante estatística a que atesoura o Pontevedra Club de Fútbol co árbitro que dirixirá o seu encontro da cuarta xornada de liga en Primeira RFEF contra o Athletic B.
O Comité Técnico de Árbitros designou o asturiano Jaime Ruiz Álvarez como responsable deste encontro, con Roberto Domínguez e Urtzi Pascal como asistentes e con Gaizka Legarra como cuarto árbitro.
Aos seus 38 anos, trátase de todo un veterano no terceiro chanzo do fútbol nacional, e é que acumula 12 tempadas en Segunda B e as 5 que se disputaron en Primeira RFEF, incluíndo xa a actual.
Debido a iso é un árbitro que se cruzou xa moitas veces no camiño dos granates. Tanto que será a duodécima vez que lles arbitre, converténdose o Pontevedra no cuarto equipo co que máis veces coincidiu.
Con todo pese ao alto número de partidos, e aí o rechamante da estadísctica, o Pontevedra nunca conseguiu vencer con Ruiz Álvarez como árbitro principal.
En total acumula seis empates e cinco derrotas, a pesar de que sete deses encontros disputáronse en Pasarón.
De feito como local suma tres derrotas e catro empates, e a domicilio a estatística é de dous empates e dúas derrotas.
A última vez que se viron as caras foi na última xornada da campaña 22-23 en Primeira RFEF, no derbi contra o RC Deportivo e cun Pontevedra xa descendido matematicamente. Esa mesma tempada dirixiu ademais un Pontevedra-Balompédica Linense (0-0) da xornada 5 do campionato.
Pola súa banda o Bilbao Athletic é o terceiro equipo que máis veces foi arbitrado por este colexiado (12), cun balance farovable no seu caso de seis vitorias, tres empates e catro derrotas.
Unha estatística que tentará romper este sábado o equipo adestrado por Rubén Domínguez.