Que lle pasa a Dalisson de Almeida? A resposta este venres de Yago Iglesias en rolda de prensa de prensa non pode ser máis inquietante. "Non o sei", afirmou o técnico.
Dúas semanas despois de resentirse dunhas molestias na parte posterior da súa perna "non teño constancia realmente de cal é a magnitude da súa lesión, do que se vai a facer", recoñeceu o preparador sobre o que é o máximo goleador do seu equipo.
"Esta semana fixéronlle probas outra vez. As súas sensacións non son boas", explicou Yago.
Mentres iso sucede, sen data para o seu regreso aos terreos de xogo se esas as sensacións non melloran, "está a facer traballo única e exclusivamente co fisio", sinalou o responsable do banco granate a preguntas dos xornalistas.
Aínda que as súas molestias inicialmente estaban localizadas "na parte traseira, nos isquiotibiais", a realidade agora é que "a súa sensación é desde a zona do glúteo até case o xemelgo, é dicir, toda a perna".
Por ese motivo os servizos médicos do club "están a tentar atopar onde é realmente esa lesión para ter claro o punto, o alcance, a duración e o protocolo que hai que seguir" para a súa recuperación, relatou Yago Iglesias.
Por todo iso "sei que esta fin de semana non podemos contar con el", confirmou o adestrador do Pontevedra de cara ao partido de liga contra o Langreo.
Dalisson únese desta forma ao sancionado Mario Gómez como as baixas granates confirmadas para a próxima xornada de liga.