Como sucede a miúdo nas pretemepadas, as semanas de preparación deixaron luces e sombras no Pontevedra Club de Fútbol.
Os granates, no seu novo proxecto con Rubén Domínguez no banco, mesturaron momentos esperanzadores con outros que acrecentan dúbidas, un aspecto que fomenta entre o afeccionado a precupante falta de efectivos.
Tras o seu último empate sen goles fronte ao Boiro, o equipo pontevedrés inicia xa a primeira semana de competición co duelo do próximo sábado 30 de agosto (17.00 horas, Pasarón) fronte ao Cacereño no horizonte.
Faino con só 17 futbolistas confirmados do primeiro equipo, apurando ao máximo o mercado de fichaxes para completar o seu plantel.
O técnico repetiu en varias ocasións que "seguen a quedar tres xogadores de ataque, un deles para dentro" por chegar, pero o tempo aprema e os que cheguen non terán xa moitas oportunidades de axustarse ao seu novo equipo nos adestramentos antes de empezar a competir.
Neste sentido, os 17 xogadores confirmados ocupan praza sénior, cunha única ficha deste tipo dispoñible. O resto de pezas que se incorporen deben de chegar desde o mercado de menores de 23 anos, con algún deses postos podendo ser ocupado por canteiráns.
Só seis futbolistas dos que lograron o ascenso continúan no equipo, como son Edu Sousa, Benjamín Garay, Yelko Pino, Miguel Cuesta, Álex González e Brais Abelenda, e a eles sumáronse Montoro, Ander Vidorreta, Dani Selma, Nico Conesa, Pablo Hervías, Adrián Expósito, Juanra, Alain Ribeiro, Marqueta, Miki Bosch e Víctor Eimil.
Unha profunda renovación que obriga a un axuste contrarreloxo para poder competir con garantías desde a primeira xornada do campionato.
No positivo, iso si, a falta de lesións importantes, e é que só Hervías perdeu o último encontro de preparación, estando dispoñibles o resto de futbolistas que arrastraron molestias propias destas datas.
Repasando os resultados de verán, os mellores momentos do Pontevedra chegaron nos seus dous compromisos en Pasarón. O primeiro fronte á Cultural Leonesa chegou moi pronto, sen apenas preparación, cun 0-1 para o conxunto de Segunda División, e sobre todo fronte ao Arenteiro, un rival da súa mesma categoría, os granates ofreceron a súa mellor versión cun sólido 2-0.
Despois chegarían o borrón no Vao fronte ao Coruxo (3-0) e o empate sen goles en Barraña contra o Boiro. No medio, unha derrota contra o Porto B (1-2) e vitorias fronte ao Estradense de Terceira RFEF (0-2) e o Villalonga (0-2) de Preferente.
Con estas vimbias e estas sensacións afronta o Pontevedra unha competición que arrinca ademais con curvas, e é que tras a estrea contra o tamén recentemente ascendido Cacereño chegarán exixentes duelos ante dous, a priori, candidatos ao ascenso como Ponferradina e CD Tenerife.