O vindeiro sábado 11 de marzo, desde as 20:00 horas, estrearase unha nova proba deportiva na cidade, a Urban Trail Night de Pontevedra.
Segunda cita do Circuíto de Carreiras Populares, contará cun percorrido de 14 quilómetros no que se combinarán sendeiros e zonas urbanas da cidade en horario nocturno con "escaleiras, zona antiga ou a Illa das Esculturas", segundo explicou na súa presentación Serafín Martínez, representante de Qualité Sport.
"Mestura distintas probas de running, con asfalto, montaña e facelo tamén polo medio da cidade" completou Justi Peixote, recoñecendo ambos que esperan que sexa a primeira edición de moitas dunha carreira que chega para asentarse no calendario deportivo da cidade.
Ao tratarse dunha carreira nocturna, será obrigatorio para cada deportista participar cun dispositivo luminoso frontal.
Serán preto de 700 os atletas que tomen a saída desde as inmediacións do Recinto Feiral seguindo a canle do Lérez para pasar despois pola Illa das Esculturas, Zona Monumental ou a Alameda antes de concluír no interior da praza de touros, á que poderá acceder o público para vivir o final da proba.
O que non se celebrará finalmente é a andaina paralela que estaba prevista e que foi cancelada pola organización para centrarse no dispositivo que rodea a carreira.