Elías Domínguez e Mari Ángeles Castro vencen na espectacular estrea da Urban Trail Night

Pontevedra
12 de marzo 2017

Medio milleiro de atletas participaron na segunda proba do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, no que supoñía a estrea do trail nocturno e que deixou boas sensanciones

I Urban Trail Night Pontevedra
I Urban Trail Night Pontevedra / Diego Torrado

Calquera hora é boa para botarse a correr. Demostrárono este sábado o medio milleiro de atletas que participaron na segunda proba do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, a Urban Trail Night.

Era a estrea do trail nocturno e deixou boas sensacións. Os deportistas, cunha luz frontal na cabeza dado que parte do percorrido non contaba con iluminación, percorreron 14 quilómetros desde as inmediacións do Recinto Feiral ata a praza de touros da cidade, pasando pola senda do Lérez, Illa das Esculturas, casco antigo ou Alameda ata chegar ao seu destino.

Elías Domínguez foi o vencedor na categoría masculina ao completar o percorrido nun tempo de 50 minutos e 53 segundos. Só 10 segundos despois chegaba a meta Maikel Rodríguez, mentres Juan Sebastián Díaz (51:32) completou o podio na terceira posición.

Pola súa banda en categoría feminina a máis rápida foi Mari Ángeles Castro (1:04:49), con Saleta Aboy en segundo lugar (1:05:08) e María del Pilar López no terceiro (1:05:58).

Consulta aquí as clasificacións completas do I Urban Trail Night de Pontevedra.