Víctor Riobó e Leticia Fernández reinan na dureza da Carreira Pedestre de Campañó

Pontevedra
27 de maio 2017

Gran xornada de atletismo a vivida este sábado en Campañó na décima edición da súa carreira pedestre, cuarta cita do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra

X Carreira Pedestre de Campañó
X Carreira Pedestre de Campañó / Diego Torrado

Nin rastro da choiva tormentosa do venres nin da calor asfixiante de días anteriores. O resultado foi unha espléndida xornada de atletismo a vivida en Campañó coa décima edición da súa carreira pedestre, consolidada xa no calendario deportivo.

A cuarta cita da tempada no Circuíto de Carreira Populares de Pontevedra variou lixeiramente o seu percorrido, pero sen perder un chisco da dureza que o caracteriza e que lle deu fama entre os corredores.

Máis de medio milleiro de atletas, entre as carreiras de categorías inferiores e a absoluta, tomaron a saída para completar, no caso dos maiores, 8.500 metros de percorrido.

Na categoría masculina viviuse un bonito duelo entre un dos organizadores da proba, Elías Domínguez, e Víctor Riobó, sendo o segundo o que se impuxo nun emocionante sprint cun tempo de 28 minutos e 48 segundos, con só un de vantaxe sobre Elías Domínguez. Terceiro completando o podio chegou Amadeo Abal (28:57).

Menos discusión tivo a carreira feminina, onde a gran dominadora foi Leticia Fernández cunha tempo de 33 minutos e 46 segundos, logrando unha ampla diferenza sobre a segunda clasificada, Águeda Ofelia Blanco (35:20). Terceira foi María del Pilar López.

Consulta aquí as clasificacións da X Carreira Pedestre de Campañó.