Non hai mal que por ben non veña, di o refraneiro popular, e para o Club Cisne Balonmán o aprazamento das primeiras xornadas da Liga Asobal serviulle para seguir afinando a súa posta a punto tras unha pretempada na que pouco puido adestrar en condicións de xogo e na que apenas sumou tres encontros amigables.
Por primeira vez, tras a modificación do protocolo autonómico, o cadro pontevedrés puido xogar en Galicia un deses choques de preparación, desprazándose ao Rosal para enfrontarse ao Atlético Novás da División de Honra Prata.
Todos os xogadores de ambos os dous equipos sometéronse previamente ao amigable a test de detección do Covid-19, dando todos eles resultado negativo.
Unha vez cumprida esa parte, o encontro deu comezo ao redor das 21:00 horas.
Os de Jabato dominaron o electrónico desde os primeiros compases do xogo (3-7, min.18), aínda que o Novás ofreceu tamén un bo nivel chegando ao descanso co resultado de 9-11.
Na segunda metade o marcador mantívose bastante igualado ata os minutos finais, nos que o Cisne fixo valer a súa condición de equipo de maior categoría para sumar o seu primeiro triunfo da pretemporada (23-27).
Agora, os pontevedreses quedan a expensas do que pase co inicio da Liga Asobal, xa que de non haber cambios o seu primeiro partido sería o que lle enfrontaría o mércores 9 de setembro a domicilio ao Granollers.