Primeira vitoria na casa do Arosa (2-0)

O Salnés
29 de outubro 2023

O Arosa logrou este domingo a súa primeira vitoria da tempada na casa tras gañar en Vilaxoán ao Betanzos por 2-0. Iñaki e Martín Diz foron os artífices dos goles que lle deron máis que tres puntos ao equipo arlequinado  

Once do Arosa contra o Betanzos
Once do Arosa contra o Betanzos / Arosa SC

O Arosa logrou este domingo a súa primeira vitoria da tempada en casa tras gañar en Vilaxoán ao Betanzos por 2-0. Iñaki e Martín Diz foron os artífices dos goles que lle deron máis que tres puntos ao equipo arlequinado.

Foi o equipo de Luisito o que gozou de máis ocasións para gol, xerando problemas especialmente con Iñaki que avisou primeiro cun centro chute que non tivo rematador e despois unha dobre ocasión tras centro de Brais Pedreira e que Marcos Souto non foi capaz de atallar.

Non se cumpriu a media hora de xogo e o Arosa xa mostraba unha cara diferente ao resto de xornadas. O gol ía terminar chegando.

Con todo, aos poucos o Betanzos foi espertando e deu un paso adiante, dominando o xogo para pasearse por área de Manu Táboas en repetidas ocasións, que tivo que atallar en dous tempos a máis clara dos visitantes. Juan de Dora internouse por banda dereita, rematou cruzado, pero o gardameta arlequinado detivo o disparo.

Despois do paso polos vestiarios Luisito fixo os cambios que resultarían clave de fronte ao triunfo e, alcanzado o ecuador do segundo tempo, conseguiu o seu ansiado premio. Martín Diz foise por banda dereita, centrou a Sylla ao primeiro pau pero foi Iñaki o que rematou no segundo, facendo o 1-0 que daba esperanzas aos arlequinados.

Tras o gol o que fixo os cambios foi o Betanzos, pero o Arosa non cedeu en ningún momento pero si que sentenciou na recta final do encontro. Nunha falta a favor dos visitantes en campo propio, Sylla interceptou o pase, gañou o duelo ao central, cedeu a Pereira e este a Martín Diz, que de disparo cruzado anotou o 2-0 que levantou á afección dos asentos porque por fin puideron celebrar unha vitoria en casa esta tempada.