Primeiras fichaxes no Pontevedra, que renova ademais a Edu Sousa e Añón

Pontevedra
12 de xuño 2017

O club granate confirmou este luns os tres primeiros fichaxes para o seu novo proxecto deportivo, os dos futbolistas Marcos Álvarez, Jon Etxániz e David Castro. Asinan por unha tempada. Bonilla, Abel, Trigo e Bruno Rivada non aceptaron polo momento a proposta de renovación

Marcos Álvarez, no partido entre Boiro e Pontevedra en Barraña
Marcos Álvarez, no partido entre Boiro e Pontevedra en Barraña / Cristina Saiz

A semana comezou con movemento nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, co Pontevedra confirmado os tres primeiros fichaxes do seu novo proxecto deportivo e tamén dúas renovacións.

Os que continuarán un ano máis vestindo a camiseta granate serán o gardameta Edu Sousa e o atacante David Añón, ao chegar finalmente a un acordo co club despois de varios días de tira e afrouxa.

A intención de ambos era continuar desde o principio, pero pequenas diferenzas atrasaron o acordo ata máis aló da data límite posta polo propio Pontevedra, que expirou o pasado venres. Desta forma Edu cumprirá a súa sexta tempada na cidade de Lérez, convertido nun dos xogadores con máis minutos do plantel e nun dos capitáns do equipo, mentres Añón afrontará a súa segunda campaña como granate.

Seguen sen haber acordo cos tres últimos futbolistas aos que se lles ofreceu continuar. Son os casos de Bruno Rivada, Jacobo Trigo, Bonilla e Abel, sendo o primeiro deles o máis próximo a un acordo, aínda que segundo o exposto no seu momento polos responsables do Pontevedra, unha vez excedido o prazo o club comezou a valorar opcións para sustituírlos sen outorgarlle prioridade a eles para continuar.

PRIMEIROS TRES FICHAXES

Ao mesmo tempo que as renovacións, o Pontevedra confirmou tres incorporacións, as de Marcos Álvarez, Jon Etxániz e David Castro.

O primeiro deles, Marcos Álvarez, é un futbolista coruñés (natural de Ortigueira), cuxa zona de actuación no terreo de xogo é o costado destro na liña ofensiva. Procede do Club Deportivo Boiro, onde a pasada tempada xogou 29 partidos entre liga e copa anotando dous goles. Aos seus case 29 anos ten unha ampla experiencia na Segunda División B en clubs como a Cultural Leonesa, o Coruxo ou o Racing de Ferrol.

Tamén ofensivo é o reforzo de Jon Etxániz, dianteiro de 26 anos de idade que chega a Pasarón procedente do Guernika vasco, no que na liga recentemente concluída anotou 13 tantos no Grupo II da Segunda División B. Anteriormente militara en clubs como Leioa, Tudelano, Barakaldo ou o filial do Athletic Club bilbaíno.

Por último, cun perfil completamente diferente, o Pontevedra fichou ao futbolista cuntiense David Castro, lateral zurdo de 21 anos con pasado na canteira granate, concretamente no equipo xuvenil, e que a pasada campaña militou no Céltiga en Terceira División. Pode actuar tamén como central e ocupará unha das fichas sub-23 obrigatorias no plantel pola normativa da Real Federación Española de Fútbol.

Todos eles asinarán un contrato dunha tempada de duración, segundo confirmou o club pontevedrés.