Primeiro triunfo da tempada para o Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión Masculina

Pontevedra
17 de outubro 2022

O conxunto pontevedrés impúxose na segunda xornada de liga ao CTM Murcial El Palmar por un contundente 4-0 e reafírmase tras as boas sensacións do seu debut

Miguel Ángel Vílchez no enfrontamento entre TM Monte Porreiro e Asisa Borges Vall da tempada 21-22
Miguel Ángel Vílchez no enfrontamento entre TM Monte Porreiro e Asisa Borges Vall da tempada 21-22 / Cristina Saiz

Á segunda chegou a primeira vitoria da tempada para o Tenis de Mesa Monte Porreiro Visit Pontevedra na nova tempada da Superdivisión Masculina.

O conxunto pontevedrés, que cedeu na cita inaugural ante o potente Arteal lastrado polos problemas físicos de varios xogadores, recuperou efectivos para medirse ao CTM Murcial El Palmar e o resultado foi un contundente 4-0 ao seu favor.

Destacou a volta ás pistas meses despois do internacional español Miguel Ángel Vílchez, superada a súa grave lesión de xeonllo. O internacional regresou para sumar dous puntos para o seu equipo en senllos e empocionantes partidos que se decidiron 3-2 ao seu favor, fronte a Javier Soria e Miguel Molina.

Os puntos do equipo pontevedrés completáronos Martín Betancor ao superar a Miguel Molina por un claro 3-0 ou Nico Galvano ao vencer a Guillermo Martínez por 3-2.

Con esta vitoria o Monte Porreiro colócase na sexta posición da clasificación na máxima categoría, sendo o seu próximo enfrontamento o que lle medirá o 26 de outubro a domicilio ao Asisa Borges Vall.