Primeiros quilómetros para o novo proxecto do Supermercados Froiz

Pontevedra
01 de decembro 2015

O equipo ciclista protagonizou estes días a primeira concentración de pretempada reunindo aos corredores galegos que estarán presentes no novo proxecto, co que o Froiz tentará recuperar o primeiro posto do ránking nacional elite e sub-23

Concentración de pretempada do Froiz
Concentración de pretempada do Froiz / GD Supermercados Froiz

Primeiros días de adestramento para o novo proxecto do Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

O equipo pontevedrés xuntou estes días aos ciclistas galegos do equipo para realizar unha pequena concentración, destinada a completar os primeiros quilómetros da pretempada e facer grupo.

Entre os presentes atopábanse as catro incorporacións anunciadas pola escadra que dirixe Evaristo Portela, as dos galegos Alejandro Regueiro, Víctor Fernández, Martín Bouzas e Diego Somoza.

Todo nunha tempada na que o reto é esixente, recuperar o primeiro posto no ránking nacional por equipos elite e sub-23, posición que abandonou o Froiz tras sete anos no alto caendo á quinta praza.

Como vén sendo habitual nas últimas tempadas, os principais obxectivos serán de novo as roldas por etapas, aínda que sen descoidar a prestixiosa Copa de España que se lle resiste ao equipo pontevedrés.