Promoción do atletismo a golpe de saltos

Pontevedra
25 de agosto 2018

O Paseo de Odriozola, na céntrica Praza da Ferrería, acolleu durante dúas xornadas a actividade Saltar na Rúa organizada pola Sociedad Gimnástica para promocionar o seu deporte na cidade

Actividade Saltar na Rúa organizada pola Sociedad Gimnástica
Actividade Saltar na Rúa organizada pola Sociedad Gimnástica / Diego Torrado

Que mellor maneira de promocionar a práctica do atletismo que achegalo a pleno centro da cidade.

É o que pensou por segundo ano consecutivo a Sociedad Gimnástica coa iniciativa Saltar na Rúa, que finalizou este sábado despois de dúas xornadas de actividade.

Tanto o venres como este sábado nenos e nenas de diferentes idades puideron probar e coñecer os segredos de disciplinas como o salto con pértega, lonxitude e o triplo salto da man de monitores especializados.

A todo isto sumouse a última hora do sábado unha exhibición na que participaron algúns dos mellores especialistas autonómicos e nacionais.